Esta obra pretende crear a través de diferentes linguaxes escénicas (a danza, a maxia, a música e a videocreación) un contexto fantástico e misterioso no que se recollan as principais simboloxías da maxia en Galicia; ademais, fai referencia a temas sociais como a categorización da muller ou, especialmente, a dualidade do ser humano (pantasmas e presenzas que amolan ao individuo, os nosos pensamentos ou a nosa situación).
“Habelas” é unha obra multidisciplinar na escena e na concepción. O eixo da creación xorde da reflexión ao redor das coincidencias entre a maxia e a danza. A danza é tratada dende un punto de vista contemporáneo, elaborando un discurso paralelo, buscando información en recollidas de campo (coma, por exemplo, empregando testemuños reais, e mesmo incluíndo a súa voz gravada no espazo sonoro).
A denominación de “Habelas” vén dada polo personaxe principal da obra, a meiga, facendo referencia ao refrán popular que na tradición oral galega é tan común escoitar: “eu ver nunca as vin, pero habelas hainas”.
Nesta obra hai diversas referencias artísticas (debuxos de Kara Walker ou os óleos de Goya) e culturais (entrevistas persoais e, sobre todo, no libro de Carmelo Lisón Tolosana “Estrutura social y simbolismo en Galicia. Antropología cultural de Galicia”, Marvin Harris,...)
No hay comentarios:
Publicar un comentario